CRTVG

Buscar

Adeus a Niki Lauda, un dos mellores pilotos na historia do automobilismo

Publicado o 21/05/2019 18:20

Faleceu Niki Lauda, considerado como un dos mellores pilotos na historia do automobilismo.
Niki Lauda faleceu esta pasada madrugada aos 70 anos. O pasado verán fora sometido a un transplante de pulmón.

Foi tres veces campión do mundo na Fórmula 1 e marcou toda unha época nos anos 70 e 80.  En 1976 sufrira un grave accidente que lle provocou graves quemaduras na faciana. Neto dun emigrante galego, de Nogueira de Ramuín, coa morte de Lauda o mundo do automibilismo perde un dos seus grandes referentes. 

'A cara de Niki Lauda' cantaban Os Planetas laudando a figura do tres veces campión de fórmula 1. Laudando de laudar. E laudar, ao mellor, de Lauda tamén, o apelido galego dun austríaco de familia rica que comezou correndo en Mini e acabou sendo o máximo subido naqueles que chamaban monopraza. Coches de carreiras dos setenta que corrían que se esmendrellaban e a bordo dun dos cales Niki pagou o prezo de desafiar os límirtes esnafrándose a nin se sabe que velocidade no temible circuíto xermano de Nürburgrin no Gran Premio da Alemaña de 1976.

O Ferrari de Lauda envolto en lapas tras bater primeiro contra un terraplén e despois contra o Sutter-Ford de Brett Lünger é xa unha das imaxes icónicas da historia do automobilismo. Lauda saíu con vida do suceso, pero quedou marcado física e psicoloxicamente. A súa cara queimada e o mal carácter pasaron por riba dos premios e dos méritos como piloto.

Triunfou como empresario buscando acubillo no sector da aviación, outra volta a velocidade. Fíxose máis millonario do que era e tivo tempo de afondar na historia do seu avó paterno: Juan Lauda Crespo, emigrado nos Estados Unidos e natural de Loña do Monte, Nogueira de Ramuín, Ourense. Daquel Lauda a José Lauda Barbeito, o pai de Niki, tamén piloto, pero de avións de guerra na Segunda Mundial. A mesma guerra, pacífica e deportiva esta, en que sempre estivo metido polo seu carácter o campión Niki Lauda.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019