CRTVG

Buscar

Áñez anuncia que convocará eleccións en Bolivia, onde as protestas deixan xa 30 mortos

Publicado o 20/11/2019 17:52
Áñez anuncia que convocará eleccións en Bolivia, onde as protestas deixan xa 30 mortos

A presidenta interina de Bolivia, Jeanine Áñez, anunciou este mércores que nas próximas horas ten previsto convocar por decreto eleccións se non logra un acordo co Parlamento, onde conta con maioría o partido de Evo Morales.

"Se Deus o permite, hoxe en horas da mañá imos lanzar a convocatoria a eleccións como todo o país está a demandalo", dixo Áñez aos medios na Paz ás portas do Parlamento.

A convocatoria de eleccións en Bolivia pasa porque a Asemblea Lexislativa, en que ten maioría de dous terzos o Movemento ao Socialismo de Morales, designe un novo órgano electoral que ten que chamar a unha nova cita coas urnas. Con todo, existe o precedente nunha crise similar en 2005 con Eduardo Rodríguez Veltzé de presidente en que os comicios foron convocados por decreto, unha vía que podería utilizar Áñez.

Unha trintena de mortos

Xa son 30 os mortos en distintos sucesos dentro da crise en Bolivia, que comezou despois das eleccións do pasado 20 de outubro, mentres que os feridos son 775, segundo a Defensoría do Pobo.

O número de mortos durante os enfrontamentos entre as forzas de seguridade de Bolivia e un grupo de manifestantes no Alto, a segunda cidade máis poboada do país, subiu a seis, informou este mércores a Defensoría do Pobo. Os sucesos producíronse o martes cando un escuadrón conformado por militares e policías buscaba desbloquear unha planta de distribución de combustibles na zona alteña de Senkata.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019