CRTVG

Buscar

Netanyahu gaña as eleccións en Israel, pero o bloqueo podería continuar

Publicado o 03/03/2020 16:57
Netanyahu gaña as eleccións en Israel, pero o bloqueo podería continuar

Cun 90% do voto escrutado, o Likud de Benjamín Netanyahu gaña as eleccións de Israel e deixa atrás o seu rival, Azul e Branco, de Beny Gantz, aínda que queda a dous escanos dunha maioría simple que lle garanta formar goberno.

A falta aínda de contabilizarse un 10 % de papeletas, o Likud faise con 36 escanos de 120, mentres Gantz quedaría en 32. Pero sumado aos seus socios da ultradereita e ultraortodoxos, alcanzan os 59 deputados, a dous da maioría simple necesaria para formar goberno. 

Estes datos aínda poden variar lixeiramente, pero todo indica que Netanyahu terá que enfrontarse a unha situación similar á do pasado abril, cando quedou a un escano da maioría e houbo que convocar novas eleccións.

A terceira forza política volve ser a Lista Unida, que agrupa partidos con maioría árabe e subiría dous escanos fronte aos comicios de setembro e cinco respecto a os de abril. Ao sector árabe favoreceuno un maior voto nas súas comunidades, nunha cita que logrou un 71% de participación, algo máis que nas dúas últimas e pese ao cansazo electoral que acusa a poboación.

Noticias web

03/03/2020