CRTVG

Buscar

Néstor Rego: "Cos orzamentos, as contas son as que son; é difícil disimulalas, como pretenden algúns"

Publicado o 01/12/2020 11:52

A pesar do acordo de investidura que permitiu o apoio do Bloque Nacionalista Galego á elección de Pedro Sánchez como presidente, nas últimas semanas semella que hai algo máis de distancia entre os partidos do Goberno e o BNG.

A abstención respecto á lei Celaá e o voto en contra dos Orzamentos Xerais do Estado son mostra diso. "No caso da lei de Educación o que fixemos foi absternos, porque crimos que había avances respecto á LOMCE que queríamos derrogar, pero parecéronnos insuficientes. O que pasa é que no caso dos orzamentos as contas son as que son. É difícil disimulalas, como pretenden algúns", explicou Néstor Rego esta mañá en directo no programa Bos Días.

Rego explica a insuficiencia desas contas: "Cando no ano 2018 os últimos orzamentos do PP, os chamados presupostos de Montoro, consignaban para o investimento 936 millóns de euros, o Partido Socialista dixo que eran unha labazada a todos os galegos e galegas, e nós estabamos de acordo porque eran uns orzamentos malos. O que acontece agora é que agora aínda son peores, porque temos 104 millóns de euros menos nun contexto en que os orzamentos son expansivos. Aumentan na maior parte das comunidades autónomas na orde do 45 ou o 50 por cento. Cremos que non se xustifican estes orzamentos. Parecen un castigo a todos os galegos e galegas"

Cando se acusa ao BNG de votar neste caso o mesmo que Vox e o PP, Néstor Rego di que "é un argumento totalmente demagóxico".

"O Goberno presenta unhas contas que discriminan gravemente o noso país. Mesmo con agravios comparativos. Por exemplo, cero euros para a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, a pesar de que hai un proxecto xa redactado e de que o estudo de impacto ambiental está a punto de caducar. Pola contra, 140 millóns de euros para o porto exterior de Castelló, que nos parece ben, pero non hai nin proxecto. Ou non se mete en nada na débeda do porto exterior da Coruña, cando se asume totalmente a do de Valencia. E o argumento de que estamos ao lado destes ou daqueles non é asumible. Quen está máis preto no Congreso do PP e de Vox é o Partido Socialista votando en contra dunha comisión de investigación de Xoán Carlos de Borbón que poña negro sobre branco a corrupción dos Borbóns", asegura o deputado do BNG.

"Produce tristeza a actitude de deputados e deputadas galegas"

Néstor Rego responde con contundencia a deputados galegos no Congreso que nas últimas datas sinalaron a actitude do BNG respecto a estes presupostos: "A responsabilidade de que o BNG non apoie os orzamentos é dun Goberno que non foi sensible a unhas demandas que son absolutamente lóxicas. E produce tristeza que deputados e deputadas galegas que en lugar de dedicar os seus esforzos a convencer os seus partidos de que se melloren eses presupostos os dediquen a xustificar unha discriminación que non ten xustificación posible".

Canto a cuestións de fondo deses orzamentos, para Rego e o BNG hai que fuxir de debates como o da harmonización fiscal: "Nos orzamentos non vai exactamente esa harmonización fiscal. O que lle interesa a Galiza é acceder a un novo modelo de financiamanto que faga que teña plena capacidade sobre a súa política tributaria e de recadación de impostos, e para establecer bilateralmente co Estado que parte ten que ceder. Sería un sistema de concerto beneficioso para o noso país". 

"O modelo de financiamento actual prexudícanos, perdemos recuros cada ano. Xestionar os nosos propios recursos vai permitir reforzar os servizos públicos, as políticas de protección social que necesitamos", di Rego.

Acción do BNG no Congreso

De todas as enmendas que o BNG presentou aos orzamentos, unha delas vai na dirección de financiar a intervención da factoría de Alcoa en San Cibrao: "Hai un acordo unánime do Congreso á proposta do BNG para que o Estado proceda a intervención de Alcoa, tamén do Parlamento de Galicia, e para iso precísanse recuros, e por iso deberían aprobar esta enmenda".

Que esas enmendas, moitas delas con contido social, non se aproben é, segundo Rego, responsabilidade de quen goberna, e volve sinalar os deputados galegos no Congreso: "Que intereses defenden eses deputados que en lugar de vota a favor de emendas que fai o BNG e que favorecen a todos os galegos e galegas votan en contra?".

"As únicas boas noticias que hai nos orzamentos son as partidas para rebaixar as peaxes da AP−9 ou que haxa unha partida para a rexeneración da ría do Burgo, e son parte do acordo de investidura alcanzado polo BNG", explica Néstor Rego, quen agarda que estes desencontros actuais non afecten as relacións da súa formación co PSdeG noutras administracións: "Iremos vendo cal é a actidude do Goberno e do PSOE, desde logo non favorece, nós imos colcar sempre por diante os interes do país. Lamentamos que o Goberno teña esta actitude".