CRTVG

Buscar

Nai e fillo morren ao chocar o seu vehículo contra a mediana da A-6 en Abegondo

Publicado o 15/07/2020 11:16

O condutor, un mozo de 19 anos, perdeu o control do automóbil e foi bater contra a mediana da autovía A-6, á altura dos campos de fútbol do Deportivo, en Abegondo. No asento do copiloto viaxaba súa nai, de 55 anos. Ambos os dous perderon a vida.

No turismo viaxaba tamén unha moza de 18 anos, parella do condutor falecido. Ela foi evacuada polo helicóptero do 061 ao CHUAC, onde permanece ingresada na UCI con prognóstico grave con politraumatismo. Tanto ela como as dúas vítimas mortais son residentes en Madrid.

Polo momento descoñécense as causas do sinistro, pero si desbotan que o condutor fose cegado polo sol. 

"Todo apunta a un descoido ou que o condutor adormecese por mor das circunstancias do accidente xa que non houbo ningún outro coche implicado e facer unha traxectoria recta", explica o tenente do Subsector de Tráfico da Coruña, Fernando José Tato.

Ata o lugar do accidente desprazáronse os bombeiros de Betanzos, membros da DXT e tamén un helicóptero medicalizado dende Santiago, pero xa non puideron facer nada polos falecidos. O vehículo quedou totalmete esmagad

Agora, o equipo de atestados da Garda Civil é quen se encarga de investigar as causas do accidente.