CRTVG

Buscar

Na Toxa avogan por unha reconstrución que pase pola solidariedade e que deixe atrás as debilidades da economía

Publicado o 01/10/2020 20:56

Ante unha crise global, a resposta non pode ser individual. O presidente da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos pide solidariedade das economías máis ricas coas máis desfavorecidas.

Importante tamén, din, a cooperación e a lealdade institucional. Porque as crises económicas habitualmente traen consigo crises de gobernanza

Dinnos expertos que a reconstrucción da economía tras a COVID−19 non pode ser un regreso á vella normalidade. Ou como dicía o economísta Antón Costas, a pandemia terá o efecto das mareas vivas: "cando baixa a marea, ves quen se estaba bañando espido. A pandemia ten o mesmo efecto, estanos permitindo ver cales eran as fraxilidades e as debilidades das nosas sociedades".

Un exemplo, o de Portugal, onde o 97 % das empresas teñen menos de dez traballadores.

Para Antonio Saraiva, presidente da Confederación Empresarial de Portugal, "é necesario que se incentiven fusións e concentracións para ter unha economía de escala, porque se queremos aumentar a internacionalización da nosa economía teremos que ter unha escala que ata hoxe non temos".

O presidente dos empresarios españois cre que a primeira resposta á crise foi adecuada. Garamendi valora que os ERTE protexeron do deemprego tres millóns e medio de persoas. Pero advirte, é hora de gastar, pero non de xeito indefinido.

Antonio Garamendi, presidente da CEOE, advirte: "todo o que sexan medidas estruturais mal entendidas economicamente son un perigo. Porque é verdade que agora non, pero dentro dun ano ou dous váisenos esixir unha consolidación fiscal en que teremos que facer ese esforzo de devolución desas axudas".

Pide o presidente da CEOE non esquecer que os 140.000 millóns de axudas son conxunturais.

Noticias web

01/10/2020