CRTVG

Buscar

Os gardas civís describen a macabra escena no crime da rozadoira

Publicado o 27/03/2019 16:39

Terceira xornada do xuízo polo crime da rozadoira. Quenda hoxe para as declaracións dos gardas civís que acudiron ao lugar dos feitos e que detiveron o acusado. Describiron a macabra escena que atoparon, coa vítima tirada no chan rodeada dun gran charco de sangue. Respecto do acusado, aseguran que Xosé Luís os estaba esperando na casa, tranquilo e sobrio e que colaborou en todo momento. Tamén declarou unha familiar do acusado que asegurou que na primeira visita ao cárcere, Xosé Luís dixo estar arrepentido do que fixera.

Coa mirada perdida ou fixa no chan, Xosé Luis Viéitez asistíu ao relato dos feitos dos axentes da Garda Civil e da Policía Xudicial que interviron no caso e que o detiveron o mesmo día do crime. A patrulla que chegou primeiro describiu a escena que atoparon: a vítima estaba tirada na estrada, boca arriba e sangrando abundantemente, rodeado xa de varios veciños e da filla tamén malferida.

Os axentes explicaron que cando foron a deter a Xosé Luis na súa casa, xa os estaba esperando, tranquilo, sobrio e colaborador. Xa se mudara pero entregoulles voluntariamente unha bolsa coa roupa ensanguentada coa que cometeu o crime, unha escopeta de aire comprimido que tiña na casa e a rozadoira ainda con restos de sangue. Os axentes da Policía Xudicial explicaron que os restos de sangue atopados na escena determinan que a agresión mortal producíuse na estrada onde a vítima caeu finalmente fuxindo do agresor. As fotos que tomaron tamén rebelan que no camiño onde Xosé Luis dixo que estivera rozando, non había ningun resto desa actividade. Antes da probas periciais declarou unha familiar do acusado. Asegurou que na primeira visita ao cárcere, Xosé Luis díxolle estar arrepentido do que fixera. A vista segue coas probas periciais, en que a Fiscalía se baseará para variar ou non a pena que pide para o acusado.

As probas periciais continuarán mañá.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/03/2019