CRTVG

Buscar

Multiplícase a produción de mel na Veiga coa incorporación de novos apicultores

Publicado o 23/09/2019 14:56

O número de colmeas no municipio ourensán da Veiga multiplicouse por catro nos últimos tres anos: de trescentas cando o concello lanzou a marca Montañas de Trevinca, en 2017, a 1.200 este ano.

"Empecei por curiosidade, porque o meu avó era apicultor. Empecei con 7 ou 8 colmeas e a produción foi pequena, para o gasto de casa, e agora estou en 18, e espero ter unha boa recollida", comenta Noelia Prieto, apicultora na Veiga. 

Este ano contan con chegar aos 6.000 quilos de produción, un 20% máis que o ano pasado, malia a que o rendemento por colmea é menor polas malas condicións atmosféricas, segundo nos explica Raquel Rodríguez Martínez, técnica de desenvolvemento rural da Veiga.

"O primeiro ano envasáronse sobre 500 quilos; o ano pasado, baixo a marca, 4.700 quilos e este ano, aínda que non foi un bo ano porque as noites foron moi frías e non houbo gran produción, ao aumentar o número de colmeas tamén aumentamos produción".

A pesar da ameaza incipiente da velutina, que xa fixo acto de presenza nesta zona de montaña cunha altitude media superior aos mil metros, os apicultores da Veiga son optimistas. Contan con conquistar novos mercados grazas ao selo de indicación xeográfica protexida que estrean este ano.

"Ao estar dentro da IXP dáche unha maior calidade, aínda que xa tiñamos uns parámetros de calidade no noso regulamento, ao estar na IXP ten maior recoñecemento, non só en Galicia senón tamén fóra", explica Raquel.

"Axudaranos a abrir mercados en grandes superficies. Aparte dá unha certa categoría maior", engade Noelia. 

Empezaron 15 apicultores e agora son 28. De momento, utilizan o mel como unha fonte de ingresos complementaria, pero aspiran a convertelo nun medio de vida neste extenso e despoboado concello do rural ourensán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019