CRTVG

Buscar

Mugardos, á beira dunha gran coalición PP-PSOE vía moción de censura

Publicado o 29/11/2019 10:16

• Catoira, nunha situación similar

Na política municipal non todo son as siglas e iso demostrárono en diversas ocasións moitos concellos galegos. Mugardos é un deles actualmente. Se ninguén o remedia, este municipio vivirá a primeira moción de censura en Galicia desde as eleccións de maio. Nesta ocasión, os que se unen son PP e PSOE para desaloxar a alcaldesa, de Esquerda Unida.

Mugardos é un dos concellos con máis fragmentación do voto. Só unha vez, e foi hai 40 anos, gobernou un alcalde con maioría absoluta. 

Nas eleccións de maio deste ano gañou o PP sen maioría absoluta, pero Esquerda Unida e PSOE sumaban, así que acabou fraguándose un pacto de goberno, aínda que non durou moito. Nin un mes tardaron as desavinzas, e o PSOE acabou abandonando o Goberno local.

Os 5 concelleiros do PP e os 3 do PSOE presentaron unha moción de censura que se debaterá o día 10 de decembro.

O último é que o PSOE de Mugardos pediu a cabeza da alcaldesa como condición para retirarse da moción de censura.

Intentamos falar cos asinantes da moción, co PP e o PSOE local, pero non queren facer declaracións. Tamén declina pronunciarse a alcaldesa. Así que falamos cos veciños para coñecer como se vive esta situación na rúa.

Algo parecido podería pasar en Catoira. Alí hai un alcalde do BNG que saíu elixido grazas ao apoio do PP, pero hai tantas desavinzas que non sería descartable unha gran coalición PP-PSOE.

O PSOE comezou a gobernar en Catoira en 1983, e conseguiu manterse no poder 36 anos. A súa última maioría absoluta foi no 2015. Nestas pasadas municipais o PSOE sacou 5 escanos, así que quedou a 1 da maioría absoluta. Por detrás: BNG e PP con 3 escanos cada un. Rompeuse así a tradición dun goberno socialista en Catoira.

O acordo entre BNG e PP fixo que a dirección do Bloque suspendera de militancia os seus edís en Catoira, algo que aínda está pendente de resolución.

A día de hoxe, o alcalde do Bloque non se leva ben nin co PP nin co PSOE, así que non sería descartable que se unisen para apartar o BNG da alcaldía.

Pero estes non son casos illados e esta situación de inestabilidade tamén se vive noutros moitos concellos galegos sen maiorías absolutas.