CRTVG

Buscar

Mozos de trece países interactúan cos maiores de Ares

Publicado o 27/09/2019 14:07

Mozos de 13 nacionalidades participan en Ares, A Coruña, nun programa de intercambio en que aprenden a contar contos a partir da convivencia intercultural e a interacción con persoas maiores da zona. O programa, financiado por Erasmus Plus, prentende fomentar a cooperación interxeracional. 

Son 32 mozos de seis países europeos pero de 13 nacionalidades diferentes, xa que entre eles hai migrantes e refuxiados de Siria, Bosnia, Iraq e Somalia, entroutras. Traballan seguindo as instrucións de formadores do proxecto de intercambio xuvenil do programa Erasmus Plus, denomindo Ticket2Europa. 

"Falan con eles, cóntanlles as súas historias e no evento final, que será o sábado aquí en Ares, eles van reproducir esas historias, con métodos que decidan, teatro, narración...", di Ana del Valle, directora da asociación Ticket2Europa.

O método é educación non formal, con aprendizaxe a través de actividades experimentais e creativas, coñecemento do medio e os seus veciños e intercambio cultural.

"A finalidade principal é crear unha cidadanía europea onde toda a xente se entenda", engade Del Valle.

"Con este tipo de actividades, educación moi participativa, con moita xente de moitas culturas temos un montón de ideas diferentes....", conta a formadora Romy Solomon.

"Aprendo a historia de Galicia tamén", di Gei, un somalí do intercambio.

De Galicia saen anualmente uns 60 grupos para participar en experiencias similiares no estranxeiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/09/2019