CRTVG

Buscar

Morren tres mozos duns 20 anos e outro queda ferido nun accidente en Madrid

Publicado o 25/12/2019 08:22

Tres mozos duns 20 anos faleceron e outro, de aproximadamente a mesma idade, resultou ferido de gravidade nun accidente de tráfico ocorrido esta madrugada na estrada M-50 de Madrid, cando o vehículo no que viaxaban os catro se saíu da calzada e circulou sen control durante máis de 50 metros pola cuneta.

Segundo informou a Efe un portavoz de Emerxencias Madrid, o accidente tivo lugar cara á unha desta madrugada á altura do quilómetro 37 da  M-50, cando o turismo ocupado polos catro rapaces se saíu da vía, arrastrando o valado ao seu paso.

Como consecuencia do brutal impacto, tres dos ocupantes do turismo faleceron no acto, mentres que o cuarto resultou ferido de gravidade e tivo que ser rescatado polos bombeiros do Concello de Madrid do interior do coche, xa que se atopaba atrapado polos ferros no que quedou convertido o vehículo.

O mozo ferido foi atendido no lugar do accidente por membros do Samur Protección Civil, que o estabilizaron e trasladado ao Hospital Clínico, onde ingresou en estado grave, con fractura en ambas as pernas.

Posteriormente, os Bombeiros extraeron do interior do vehículo os cadáveres de dous dos tres falecidos pois o terceiro saíu despedido como consecuencia do impacto, segundo explicou un portavoz de Emerxencias Madrid.

A Garda Civil encargouse de realizar o atestado e regulou o tráfico no lugar do accidente, onde a circulación se reduciu a un carril durante o tempo que durou a intervención dos servizos de emerxencia.

Fontes de Emerxencias Madrid informaron a Efe de que antes de producirse o suceso se recibiron algunhas chamadas neste servizo alertando de que un vehículo estaba a circular a gran velocidade no lugar onde despois ocorreu o suceso.

Noutro accidente ocorrido en Navalcarnero, tamén en Madrid, morreu un home de 78 anos, condutor dun dos vehículos implicados. A acompañante, unha muller de 76 anos, foi hospitalizada con varios traumatismos e o condutor do outro coche, un home de 42, sufriu feridas leves. "Foi un choque frontal entre dous coches que afectou a un terceiro. Nun deles había dúas persoas atrapadas e o que fixemos foi excarceraras e poñelas a disposición dos servizos sanitarios", explicaba un dos traballadores de emerxencias. No terceiro coche afectado non houbo feridos.