CRTVG

Buscar

Morren dous años nun ataque duns cans en Taboada

Publicado o 06/01/2020 12:59

Dous cordeiros de entre un e dous meses morreron debido ao ataque duns cans. Sucedeu no Curro, na parroquia taboadesa de Meixonfrío. Segundo denunciaron os donos do gando, os animais que lles mataron os años pertencen a un veciño que non se fai cargo deles e que mesmo chegou a ameazalos cunha fouce.

Ana Soengas, dona do gando: "Díxenlle que saíse para fóra, que quería falar con el porque os cans me mataran os año todos. E saíu para fóra cun fouciño dos grandes. Díxenlle que ía chamar á Garda Civil e non fixo caso. Collín o móbil para marcar o número e nisto agarrou e tiro o fouciño para un lado."

Manuel Maciñeiras, dono do gando:"Témolo avisado de que prenda os cans e non fai caso ningún. Tanto ten dicirlle que prenda como que non. El non fai caso ningún. Temos aí un cerre tamén e tivemos que poñerlle un cadeado. E vén roubar no millo e mais o leite."

Segundo denuncian os afectados, non é a primeira vez que os cans do veciño lles atacan o gando. Aseguran que polo verán xa feriran algunhas das súas vacas, cando a manda chegara a ser de dezasete cans, antes de que o Seprona lle levase a maioría deles.

Ana Soengas, dona do gando: "Aí no mes de setembro eu viña coas vacas e tirábanse a elas. Mordéronas nas patas e en cantos sitios había. E eu non denunciara porque ata non sei que me daba. Temos pasado moitas porque aquí non hai quen viva con este home."
Manuel Maciñeiras, dono do gando: "Os cans estaban mortos de fame. Tiña dezasete ou así e estaban todos mortos de fame. Estaban perdidos. Aínda tiña un preso a unha xesta alá atrás, que o enganchou o Seprona. Non sei quen os avisara e viñeron os do Seprona e leváronllo."

Neste último ataque, outros dous años quedaron malferidos, polo que as perdas poderían ascender aos 300 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/01/2020