Morre unha muller de 82 anos supostamente asasinada polo seu marido en Madrid
A muller, de 82 anos, foi asasinada presuntamente polo seu home, de 84. De confirmárense os feitos, este sería o primeiro crime machista do ano en Madrid.
O cadáver da muller foi atopado no seu domicilio en Puente de Vallecas, en Madrid, polos servizos de emerxencia sobre as dez e media da mañá. Os veciños alertaran o 112 porque había tempo que non tiñan noticias do matrimonio.
A vítima presentaba varias feridas de arma branca, probablemente un coitelo, no abdome e no tórax á altura do corazón.
Na casa tamén estaba o home, con feridas supostamente autoinflixidas no abdome. Foi trasladado con prognóstico moi grave ao hospital Gregorio Marañón. Está hospitalizado e permanece en calidade de detido polo asasinato.
O Grupo de Homicidios da Brigada de Policía Xudicial investiga o ocorrido, e as primeiras hipóteses apuntan a un crime machista.