CRTVG

Buscar

Morre unha anciá atropelada en Ortigueira e un mozo en Esgos por unha saída de vía

Publicado o 21/12/2019 20:58

As incidencias nas estradas provocadas pola chuvia, o vento e algunhas caídas de árbores aumentaron durante esta tarde, sobre todo nas vías secundarias. A circulación é desta hora complicada, pero xa antes de que entrase o temporal dúas persoas faleceron en accidentes de tráfico. Ás seis e media da mañá un mozo de Baltar, de 22 anos, bateu contra un muro coa furgoneta de espectáculos que conducía, no concello de Esgos.

"Houbo unha saída de vía pola marxe esquerda e petou contra un muro de pedra e iso provocou que o habitáculo do vehículo impactara co corpo da persoa que ía dentro." Di Norberto González, Tenente da Garda Civil de Tráfico de Ourense

Tamén desa hora, sen que abrise aínda o día, un muller de 80 anos morreu atropelada en Ortigueira, na recta da Senra. A vítima non levaba reflectante ningún e o condutor non a viu ata que bateu nela. Á unha e media outras tres persoas quedaron feridas en Paramos, Tui, ao bater un turismo e unha furgoneta. Esta última caeu por unha pendente. Os bombeiros tiveron que liberar dúas das vítimas.

"Houbo que sacar unha vítima dun turismo e outra do furgón. Unha das vítimas do furgón saiu polo seu pé. Tivemos que sacar unha de cada vehículo" Di Óscar Álvarez. Bombeiro do Porriño

Foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Noticias web

21/12/2019