CRTVG

Buscar

Morre un pescador tras caer ao mar preto do porto exterior de Ferrol

Publicado o 23/06/2020 18:09
Morre un pescador tras caer ao mar preto do porto exterior de Ferrol

Un pescador faleceu este martes tras caer ao mar nas proximidades do porto exterior de Ferrol, concretamente na zona do Pieiro, comunicou o 112 Galicia. O departamento público de emerxencias afirmou que trasladou a alerta por este incidente a Garda Civil, Servizo de Gardacostas de Galicia e as policías Nacional e Local de Ferrol.

Salvamento Marítimo coordinou o operativo de rescate por este suceso, acontecido ao redor das 16:00 horas. A muller do falecido advertiu de que o seu marido caera ao mar mentres pescaba ao servizo autonómico. Seguidamente, o 112 pasou o aviso a Salvamento Marítimo.

Segundo Salvamento Marítimo, o seu Centro de Coordinación da Coruña mobilizou a embarcación 'Salvamar Betelgeuse', ademais da auxiliar 'Ría de Vigo' atracada en Ferrol. 

Finalmente, foi a 'Salvamar Betelgeusen' a que logrou localizar o corpo sen vida do home nas inmediacións de Punta do Golfín, tras o que se procedeu ao traslado ao porto ferrolán.

Así, a Garda Civil solicitou que o cadáver fose trasladado ao pantalán de Curuxeiras, no barrio de Ferrol Vello, até a chegada dun xuíz.

 

Máis sobre Ferrol