CRTVG

Buscar

Morre un home na Laracha tras ser picado por avespas asiáticas

Publicado o 22/09/2020 14:58

Todo indica que ao longo deste traxecto que percorría co seu tractor Antonio deu cun niño de velutinas que o atacaron. Saíra da súa casa, na parroquia larachesa de Erboedo, arredor das cinco da tarde, coa intención de rozar o eucaliptal da súa propiedade que está a apenas 300 metros do seu domicilio. Pero fíxose noite e ante a súa ausencia, a familia deu a voz de alarma.

Jesús Varela, veciño de Antonio, explica que a filla do finado, ao ver que non chegaba á casa, alertou outros familiares e os servizos de emerxencias.

"O xenro foi quen o atopou tirado no monte", confirma.

Desde Protección Civil da Laracha, Pablo Cambón confirma que foron a propia familia e os veciños os que atoparon o home xa morto, a uns 60 metros de onde estaba o tractor.

"Presentaba picaduras de avespa velutina, segundo din os informes médicos", explica.

Ao lugar desprazáronse efectivos sanitarios, membros da Policía Local e da Garda Civil, ademais dos voluntarios de Protección Civil, pero xa non se puido facer nada pola vida deste home de 69 anos. A invasión das avespas velutinas é xeneralizada en Galicia, aínda que segundo Protección Civil esta parroquia da Laracha non é onde máis niños houbo que desactivar.

Así, segundo Protección Civil, durante o período de xullo a novembro do ano pasado retiráronse neste concello uns 900 niños, "e nesta zona non foi onde máis houbo que retirar". Con todo, a veciñanza asegura que hai bastantes niños.

Non é a primeira morte que se produce a causa das velutinas durante a realización de labores de roza co tractor. A explicación puidera estar na existencia de niños no propio terreo, que ao ser esmagados polo vehículo provocan o ataque das avespas.

Noticias web

22/09/2020