CRTVG

Buscar

Morre un home de 56 anos en Vilasantar ao caerlle enriba o carballo que estaba a cortar

Publicado o 15/01/2019 19:35

Unha imprudencia é a causa máis probable deste accidente fatal. A vítima, de 56 anos, estaba a cortar a árbore desde a parte baixa dun valado, a favor da gravidade, de xeito que, ao ceder o tronco, o carballo caeulle enriba, segundo nos informaron os bombeiros de Arzúa, que interviñeron no rescate do corpo.

Os veciños foron os que avisaron o 112. A leira onde traballaba o falecido está no lugar de Raído, moi próxima á súa propia vivenda e ás dos veciños. Cando pasou un tempo sen ouviren a motoserra, desprazáronse ao lugar e descubriron o que pasara. Xa escurecía cando chegou protección civil.

Os veciños non se explican o sucedido. Moncho, o falecido, facía labores de reforestación e estaba habituado a traballar coas árbores.

Segundo puideron comprobar os bombeiros, a motoserra quedara enganchada no tronco da árbore e o home fora á casa buscar outra para rematar o traballo. Supoñen que foi como consecuencia dos intentos por sacar a motoserra cando o carballo lle caeu enriba.

Noticias web

15/01/2019