CRTVG

Buscar

Morre Albert Uderzo, o lendario debuxante das aventuras de Astérix o galo

Publicado o 24/03/2020 23:31
Morre Albert Uderzo, o lendario debuxante das aventuras de Astérix o galo

O debuxante francés Albert Uderzo, creador xunto ao guionista René Goscinny das aventuras de Astérix o galo, morreu na súa casa de Neuilly aos 92 anos, segundo confirmou a editorial Salvat.

Uderzo faleceu a causa dunha crise cardíaca "sen relación co coronavirus", segundo explicaron fontes da editorial, que destacaron tamén que morreu "rodeado do amor da súa familia".

As aventuras de Astérix e Obélix, unha colección de 38 álbums, foron traducidas a 111 linguas, entre elas o galego, con Eduardo Blanco Amor como primeiro tradutor. Ao longo dos anos vendéronse 380 millóns de exemplares.

Albert Uderzo naceu en 1927 na vila de Fismes, próxima a Reims, no norte de Francia. Fascinado polo cómic e por facer rir -dicía que a súa profesión frustrada era a de pallaso-, iniciouse no debuxo de neno. En 1944 creou o seu primeiro cómic, Flambergue, unha historia de mosqueteiros.

Coñeceu a Goscinny, o seu "irmán", como lle chamaba, en 1949 e idearon xuntos as aventuras dun dos personaxes máis universais na literatura gráfica: Astérix o galo.

Traballaron xuntos ata que Goscinny morreu en 1977, o que sumiu a Uderzo na devastación. Mesmo así, sobrepúxose e continuou coa serie de Astérix asumindo tamén o traballo de guión noutros sete álbumes. Mesmo chegou a crear a súa propia editorial, Albert-René.

Tras un contencioso coa súa filla pola xestión do patrimonio de Astérix, que se pecharía cun acordo extraxudicial, anunciou en 2013 que lle cedía o testemuño de Astérix ao ilustrador Didier Conrad e ao guionista Jea-Yves Ferri, aínda que conservou a potestade de supervisión dos novos álbumes. O último, A filla de Vercingetórix, apareceu o ano pasado.