CRTVG

Buscar

Mónica Seara, sobre a saúde nas empresas: "As persoas nin son números nin son máquinas"

Publicado o 04/11/2019 11:20

Mónica Seara, CEO de Humanas Salud Organizacional, visitou o estudio do Bos días para falar das empresas saudables e do absentismo laboral.

En canto aos últimos datos de igualdade de xénero, Mónica Seara di que "falta moito para chegar a unha igualdade real. De feito, os estudos marcan que tardaremos arredor de douscentos anos en ter a igualdade real. Quizais agora hai un pouco máis de visibilidade, un pouco máis de axuda dende as institucions pero socialmente aínda hai esa diferenciación e iso nótase nas empresas". Ademais, Mónica Seara indica que "as empresas que contan con mulleres nos postos de dirección teñen entre un 5% e un 20% máis de beneficio".

E como é unha empresa que se pode definir como saudable? Mónica Seara explica que "en Galicia custa moito máis entendelo. Eu creei Humanas no 2014, e falar nese ano de felicidade no traballo ou empresas saudables era difícil porque non te entendían. Son as empresas estranxeiras as que mellor aceptan todos estes conceptos. Unha empresa saudable é unha empresa que trata ben aos traballadores. Os beneficios da empresa van depender da saúde dos traballadores porque se están ben van traballar mellor. Unha persoa necesita un salario digno, poder conciliar, darlle sentido á súa tarefa, sentirse parte da organización. As persoas, dentro das organizacións, nin son números nin son máquinas, é dicir, xestionamos emocións, por iso a min me gusta falar de humanizar as empresas".

Unha das consecuencias cando falta saúde nas empresas é o absentismo. Mónica Seara explica que "o custo indirecto do absentismo é máis complexo de calcular. Sabemos que é 4 veces maior ao custo directo. No último ano, o custo foi dun 7,7% de PIB. A partir de aí, as empresas e o Estado decátanse de que algo hai que facer, e aí é onde entramos nós".

En canto á orixe do problema, Mónica Seara di que "en esencia, a orixe do problema sempre vai ser a organizacion do traballo así que o liderazgo é moi importante: como mandan os xefes, como é a comunicación... A motivación inflúe no rendemento. Eu ás veces digo: se non entendedes o que é unha empresa saudable, igual estades traballando nunha tóxica". Ademais, Mónica destaca un dato importante: "Sabemos que a segunda causa de baixa é o estrés".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí