CRTVG

Buscar

Mobilización veciñal contra unha ocupación ilegal con menores en Oleiros

Publicado o 30/06/2020 14:43

Unha vivenda de Perillo, en Oleiros, foi ocupada ilegalmente o venres por tres adultos acompañados de dous menores. Os propietarios, alertados pola veciñanza, xa presentaron denuncia, e agora será a xustiza a que decida.

Nuria Fernández, filla dun dos propietarios, explica que "teñen os cans, a roupa tendida, e hai que esperar a que a Xustiza diga cal é o seguinte paso".

O Concello condena a ocupación e explica que non pode facer nada máis que agardar ao que ditamine a Xustiza, aínda que lembra o deber dos propietarios de manter en bo estado os inmobles. Neste caso, unha herdanza familiar que ten varios donos. Segundo explican, o estado ruinoso da vivenda pon en risco a seguridade dos menores, e piden que se garanta o seu benestar.

Nuria Fernández di que a casa leva 30 anos deshabitada, "e só ten madeira, as ventás están rotas, entra auga... é un perigo para os cativos".

Máis dun cento de veciños concentráronse onte diante do inmoble para amosar o seu rexeitamento á ocupación e a súa solidariedade cos donos. Mentres agardan unha solución xudicial, pensan seguir protestando, e este xoves volverán concentrarse na pasarela elevada.

Noticias web

30/06/2020