CRTVG

Buscar

Demórase a busca do operario quitaneves en Asturias polo risco de aludes

Publicado o 03/01/2021 14:28

A cautela marca hoxe a operación de busca do traballador da máquina quitaneves, que caeu por un desnivel no porto asturiano de San Isidro. Os labores de procura por terra suspendéronse onte sobre as tres da tarde, só unha hora despois de que aparecera a máquina quitaneves tronzada en tres partes.

Esa suspensión mantívose esta mañá polos mesmo motivos: o risco de novos aludes. Desde o operativo de rescate sinalouse que a área de busca é moi extensa e de acceso complicado. Pero, sobre todo, o perigo aumenta ao tratarse dunha zona moi vertical sobre a que descarga a neve, que se estivo movendo durante toda a mañá. Iso deixaría case sen escapatoria posible os rescatadores en caso de avalancha.

Os traballos de pescuda fanse hoxe con medios aéreos, basicamente drons, e a media mañá estaba previsto que un helicópetro sobrevoase a zona.

Desde o operativo recoñecen que o método pode ser pouco eficaz, porque o máis seguro é que o corpo do desparecido, Virgilio García, de 61 anos, estea agochado baixo un manto de neve. El e o seu compañeiro falecido, xa rescatado, tiveron a mala sorte de que se lles avariou a máquina quitaneves. Estaban limpando un tubo extractor atascado, que expulsa a neve acoitelada, cando un alude lles segou a vida.

Noticias web

03/01/2021