CRTVG

Buscar

Minneapolis despide a Floyd mentres policías implicados se acusan entre eles

Publicado o 05/06/2020 07:24

A cidade de Mineápolis despediu este xoves, dez días despois do seu asasinato, a George Floyd mentres os policías implicados se acusaban entre si ante un xuíz, que fixou unha fianza de 750.000 para tres deles.

Floyd será enterrado o vindeiro martes en Texas, pero este xoves realizouse unha cerimonia en  Minneapolis, a cidade en que vivía desde había algúns anos e foi asasinado o luns da semana pasada, o cal ocasionou o estalido das maiores protestas raciais do século XXI nos Estados Unidos.

"A historia de Floyd é a de todos os afroamericanos"

"A historia de Floyd é a de todos os  afroamericanos deste país", dixo o reverendo Jesse Jackson. "Desde hai catrocentos anos, a razón pola que non puidemos ser quen queremos ser e non puidemos sequera soñar con quen queremos ser é que tivemos o voso xeonllo sobre o noso pescozo!".

A metáfora explicábase soa, xa que Floyd morreu despois de que un policía branco premese no seu pescozo co seu xeonllo durante case nove minutos, tres deles co afroamericano xa inconsciente. A escena deu a volta ao mundo e provocou un terremoto político nos Estados Unidos.

O reverendo argumentou que "o que lle ocorreu a Floyd ocorre cada día neste país, en educación, na atención sanitaria e en calquera outra área da vida", e por iso instou á comunidade negra a quitar de vez o "xeonllo" que lle preme o pescozo e lle impide prosperar.

Os policías ante o xuíz

Aínda que o principal acusado da morte, Derek Chauvin, sobre quen pesa un cargo de asasinato en segundo grao, non comparecerá ante un xuíz ata a semana que vén, este xoves fixérono os seus tres compañeiros, que se enfrontan a cargos criminais por cómplices.

Dous destes policías, Thomas Lane e  J. Alexander Kueng, ambos novatos no corpo, acusaron a  Chauvin por ser o axente experimentado e o encargado de adestralos e aseguraron que o instaron a non seguir premendo no pescozo de Floyd.

"El (Chauvin) ten 20 anos de experiencia. Que se supoñía que debía facer o meu cliente senón seguir as instrucións do seu oficial de capacitación?", dixo o avogado de Lane, que cumpría o seu cuarto día no corpo o luns do asasinato de Floyd.

Pola súa banda, o cuarto axente, Tou Thao, está a colaborar coas autoridades desde antes mesmo da súa detención, segundo explicou o seu avogado, o cal evidencia unha clara ruptura entre os implicados, algo moi estraño en casos con policías como acusados.

O xuíz, Paul R. Scoggin, fixou fianzas de 750.000 dólares para cada un destes tres acusados, e rexeitou con iso as peticións das defensas, que solicitaban cifras reducidas.

Os toques de recollida e a violencia dilúense

Na décima xornada de protestas raciais nos Estados Unidos, moitas das cidades que viviran noites de caos, violencia e saqueos, como Washington e Os Ánxeles, levantaron os toques de recollida que rexeron durante días ao viviren mobilizacións maioritariamente pacíficas e sen disturbios.

En Nova York, con todo, co toque de recoliida aínda vixente, o gran despregamento policial na cidade permitiu dispersar os manifestantes e deter a todos aqueles que se resistían a deixar a rúa nun día en que o groso da protesta foi a menos.

Buffalo e Salt Lake City

A xornada, con todo, non estivo exenta de incidentes. En Buffalo (Nova York) dous axentes foron suspendidos despois de empuxar e deixar inconsciente sobre o chan, cun charco de sangue ao redor da cabeza, un home de 75 anos.

O gobernador de Nova York, Andrew Cuomo, cualificou o ocorrido como "inxustificado" e "completamente vergoñento", mentres que o home, que foi hospitalizado, está en condición "estable".

En Salt Lake City (Utah), as autoridades detiveron un home que a semana pasada atacou os manifestantes cun machado e logo apuntounos con arco e frechas ao berro de "son estadounidense, todas as vidas importan", en contraposición ao "as vidas dos afroamericanos importan" que abandeiran as protestas.

Os manifestantes lograron reducir o home, golpeárono e incendiaron o seu vehículo antes de que policías o socorresen, os mesmos policías que este xoves o detiveron tras estudar os vídeos do incidente.