CRTVG

Buscar

Milleiros de afeccionados visitan a capela ardente de Maradona

Publicado o 26/11/2020 12:05

A capela ardente cos restos de Diego Armando Maradona abriuse este xoves ao público na Casa Rosada, sede do Goberno arxentino, coa presenza de miles de persoas nos arredores do edificio oficial.

O astro do fútbol faleceu este mércores, aos 60 anos, na súa residencia de Tigre como consecuencia dun paro cardíaco e os seus restos foron trasladados durante a noite desde o seu domicilio á sede gobernamental, no centro de Buenos Aires.

Tras recibir unha despedida de carácter íntimo cos seus familiares, amigos, exfutbolistas e algunhas autoridades na súa residencia, o féretro foi trasladado cunha comitiva escoltada pola policía ata a capital bonaerense. A ela uníronse centos de afeccionados e admiradores da estrela do balompé que colapsaron cos seus vehículos a autoestrada de entrada á capital bonaerense.

Segundo informan medios locais, na apertura do velorio producíronse algúns tumultos que obrigaron a pechar a sede da Casa Rosada durante uns minutos, aínda que posteriormente puido ser reaberta. O féretro no que repousan os restos de Maradona foi envolvido nunha camiseta arxentina co mítico número 10 que lucía cando xogaba.

 

 

 

Noticias web

26/11/2020