CRTVG

Buscar

Miles de persoas piden salvar Alcoa a escasas horas de que remate o prazo de venda

Publicado o 27/09/2020 14:42

O berro de miles de persoas volveu resoar hoxe na Mariña luguesa para reivindicar a continuidade da produción de aluminio primario na fábrica de San Cibrao. A marcha comezou en Xove ás once da mañá, concretamente no apeadoiro de Feve, o lugar en que se cargan as placas de aluminio que saen da factoría, e rematou na praza do Concello. As expectativas dun acordo seguen en pé.

"Ben, hoxe o que vai pasar é que os gobernos van facer a súa función e van obrigar a Alcoa e Liberty a chegar a un acordo e non hai outra saída que non sexa esa. Aquí unha comarca enteira demostrou que ten pundonor, que non se vende", sinala José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.

Ás doce desta noite remata o prazo que se fixou para unha hipotética venda da planta de Alcoa á multinacional británica Liberty House. As posibilidades de que as negociacións saian adiante son limitadas, pero os traballadores non se renden.

"O que ten que ocorrer é que hai que chegar a un acordo. Teñen que chegar a un acordo de venda ou o Goberno ten que tomar o touro polos cornos, coller as rendas e intervir", di Xosé Paleo, voceiro da CIG na empresa.

"Esperemos que haxa un principio de preacordo, co cal nestas últimas horas poidamos conseguir seguir con esa venda", indica Constantino Arias, voceiro da UXT.

A forte emotividade nestas horas finais do prazo era evidente. Moitas persoas ían vestidas de loito e portáronse coroas en sinal de dó. De feito, Alcoa convocou os representantes sindicais para mañá, luns, no pazo de Cea, en Nigrán, co obxectivo de negociar un ERE ou un ERTE. A incerteza é máxima.

"Como Alcoa nos leva mentindo desde os principios dos principios disto, claramente non sabemos nada" comenta un traballador. Outro resume así o estado de ánimo: "Esperanza? Ilusión si e esperanza ningunha".

O hipotético peche de Alcoa afectaría a 534 traballadores na factoría de San Cibrao, a preto de 400 en empresas auxiliares e a varios máis indirectos. En total, uns mil postos de traballo están no aire.

Noticias web

27/09/2020