CRTVG

Buscar

Meritorio e merecido empate do Lugo en Oviedo

Publicado o 24/08/2019 21:35

Meritorio e merecido foi o empate colleitado polo Lugo en Oviedo. Meritorio polo escenario e merecido porque chegou logo de 24 disparos, nove deles a porta.

E iso que o encontro non puido comezar peor para os lucenses xa que aos cinco minutos, os asturianos adiantáronse no marcador tralo saque dun corner rematado por Ortuño.

De nada serviron as advertencias de Eloi quen xa alertara da perigosidade dos oventenses nas accións de estratexia e no xogo por alto.

Pero o Lugo reaccionou con personalidade, fíxose co balón e meteu ao Oviedo no seu campo. Deste xeito comezaron a chegar as oportunidades.

Cristian Herrera en tres ocasións , Manu Barreiro e Tete Morente puideron lograr a igualada, pero unhas veces polo desacerto no remate e noutras o meta Herrero fixeron que os galegos marcharan en desvantaxe ao descanso.

O Oviedo sentíase cómodo á contra, áinda que cada vez tiña máis problemas para saír.

Aínda así Berjón puido facer o dous a cero á volta do descanso, pouco antes da expulsión de Juanjo Nieto por dobre cartón amarelo.

Esa circunstancia aproveitouna o Lugo para retomar o mando do encontro e poñer en perigo a Herrero.

Pita e Manu Barreiro estiveron a piques de empatar antes de que Canella vira o segundo cartón amarelo e deixara o encontro nun dez contra dez. E ahí, os lugueses tamén amosaron a súa superioridade plasmada no tanto do empate conseguido por Cristian Herrera.

Dispara o debutante Alex López, rexeita Herrero e Cristian lograba o un a un. Logo de 34 remates, o Lugo marcaba o seu primeiro gol da temporada. Foi un empate con sabor a vitoria.

Noticias web

24/08/2019