CRTVG

Buscar

Filipe VI reclama unidade e resolver os problemas dentro da Constitución

Publicado o 24/12/2019 21:21

• O Rei pide non "caer nos extremos" e encarar o futuro con confianza

• A Carta Magna e unha foto con cidadáns exemplares acompañan a mensaxe

O rei recoñeceu este martes a "seria" preocupación que para España supón a situación en Cataluña e animou aos españois a que se manteñan unidos, ao entendemento e a resolver diferenzas con respecto á Constitución.

Na súa tradicional mensaxe de Nadal, Filipe VI sinalou que, xunto a problemas globais que preocupan a España, hai outros específicos do país como a deterioración da confianza de moitos cidadáns nas institucións e, "desde logo", Cataluña.

Subliñou todo o que logrou España grazas á Constitución e os valores que encarna ese texto e que permitiron a convivencia. De entre eses valores destacou o desexo de concordia "que grazas á responsabilidade, os afectos, a xenerosidade, o diálogo e o respecto entre persoas de ideoloxías moi diferentes derrubou muros de intolerancia, de rancor e de incomprensión que -dixo- marcaron moitos episodios da nosa historia".

Tamén apelou á vontade de entendemento e de integrar as diferenzas dentro do respecto á Constitución, que precisou que recoñece a diversidade territorial e preserva "a unidade que nos dá forza".

Así mesmo, destacou o valor que supón o impulso da solidariedade, a igualdade e a liberdade como principios  vertebradores da sociedade facendo da tolerancia e o respecto manifestacións do mellor espírito cívico da vida en común.

"Estes valores levan moitos anos presentes entre nós e constitúen un aceno de identidade da España dos nosos días, pero non podemos dálos por supostos nin tampouco esquecer a súa fraxilidade, e por iso -pediu- debemos facer todo o posible para fortalecelos e evitar que se deterioren".

Instou a manterse unidos nos valores democráticos que comparten todos os españois para resolver os problemas sen divisións nin enfrontamentos que cre que só erosionan a convivencia e empobrecen o futuro.