CRTVG

Buscar

Mellora a situación dos incendios, con 12 activos en Asturias e 5 en Cantabria

Publicado o 05/03/2019 21:31

Mellora a situación dos incendios en Asturias. Arestora só quedan activos 12 incendios, dos máis de 300 declarados desde o xoves pasado. En Cantabria, as frontes de lapas baixaron a cinco. Con todo, a atención está posta no vento: os prognósticos falan de fortes refachos que poderían reavivar os focos nas próximas horas. 

O parte das dúas da tarde, o último ofrecido polo Goberno do Principado, cifraba en 21 os incendios en Asturias, aínda que só 12 deles continuaban activos. Segundo a consellería de Presidencia, non afectan a superficie arborizada e só dous deles superan as 500 hectáreas. Non hai risco para a poboación.

"O lume está xa moi estabilizado na zona de Santa María de Castañeda. A problemática que tiña este incendio era que baixase á poboación. E agora mesmo non vai baixar, está nunha zona moi alta".

O incendio que máis preocupa é o de Salas, onde están operando tres dos cinco medios aéreos despregados na comunidade. Os equipos de extinción traballan contra o reloxo.

"As previsións meteorolóxicas que temos hoxe son de posible vento forte do sur. Iso sempre dificulta todas as operacións, polo que queremos deixar o incendio apagado".

Mellora así unha situación que tivo o seu momento máis crítico na madrugada do domingo ao luns, con 150 incendios activos. As primeiras investigacións apuntan a que, agás dous casos en que caeu o tendido eléctrico, o resto foron intencionados. En Cantabria están activos 5 incendios. Mantense o nivel 1 de alerta ante a previsión de refachos de vento de preto de 100 quilómetros por hora e a ausencia de chuvia, o que podería reactivar focos xa controlados.

A Garda Civil investiga un home de 44 anos como presunto autor dun dos incendios. Con el, xa hai catro sospeitosos de prenderlle lume ao monte, ademais doutros dous veciños sorprendidos queimando restrollo a pesar da prohibición en vigor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/03/2019