CRTVG

Buscar

Mellora a situación con 29 incendios activos en Austurias e 5 en Cantabria

Publicado o 06/03/2019 09:35

Tras cinco días de loita contra o lume, con case 350 incendios, en Asturias comeza a mellorar a situación. Arestora continúan activos 29 incendios. Os fortes refachos de vento complicaron moito as tarefas de extinción. O incendio que máis preocupa é o de Salas, onde os equipos traballan contra o reloxo.

Francisco Barreñada, bombeiro: "En prevención de ter algunha reprodución das lapas hai que remollar ben a zona para que cando rematemos aquí estea todo niquelado".

Para hoxe tamén está activa a alerta máxima por risco de incendios, aínda que xa non hai ningunha poboación ameazada polas lapas. 

Gregorio Domínguez, tenente da UME: "O lume estaba moi descontrolado. Había unha fronte de seis quilómetros ao longo do río, pero agora xa está estabilizado. A problemática é que se achegaba á poboación".

A Fiscalía xa está a investigar dous dos incendios máis graves, os de Llanes e Salas. Onte pola tarde, unha persoa foi sorprendida polo helicóptero de extinción de incendios cando prendía o lume nos montes de Onís. A Garda Civil xa está traballando na súa identificación. En Cantabria, onde están activos cinco incendios, a policía investiga catro persoas sospeitosas de prenderlle o lume ao monte.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/03/2019