CRTVG

Buscar

Mel Gibson, de peregrinación gastronómica por Santiago e A Fonsagrada

Publicado o 05/08/2019 20:28

Un señor de barbas mirando o móbil nun restaurante da Fonsagrada resultou ser Mel Gibson. Xa saben, aquel que se chamou William Wallace e pintou na cara cores que hoxe case nos atrevemos a ver medio galegas. Xa saben, aquel Mad Max que agora se declara impresionado coas paisaxes da nosa montaña oriental.

O seu periplo destes días comezou en Burgos e continuou en Asturias, onde non lle regalaron Conexión Tequila, senón augardente de sidra e un libro sobre o Camiño de Santiago.

"Estou realmente feliz de estar aquí. É un sitio moi fermoso. Estou a pasar un tempo marabilloso no norte de España", asegurou a estrela.

E, por suposto, gozou da gastronomía. Foi tal a fabada asturiana que comeu que o domingo na Fonsagrada, entre foto e foto, limitouse a ensalada e chuletas de cordeiro. E de sobremesa...

"Un donut! Comida de policías. Como o sabías?".

Non, non tomou sobremesa de Arma letal, tomou a sobremesa do lugar, a torta da Fonsagrada. E despois seguiu o camiño a Santiago. Ceou na zona vella, pediu un menú de produtos galegos.

Unha peregrinación gastronómica que seguro que será lembrada en Hollywood.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/08/2019