CRTVG

Buscar

Medio Rural di que os criterios das axudas do Goberno central ao sector do viño prexudican a Galicia

Publicado o 10/06/2020 14:52

As axudas do Goberno central para o sector do viño superan os 90 millóns de euros. Deles, a Consellería do Medio Rural calcula que Galicia recibirá 300.000. Unha cantidade que considera moi baixa. Os criterios para o repartimento, segundo asegura, prexudican a Galicia.

José González, conselleiro do Medio Rural: "Van ter nula ou escasa incidencia en Galicia, cando o sector do viño galego ten unha importancia moi grande no conxunto do viño español. Estamos a falar de arredor do 6% en valor engadido, que suporía máis de 5 millóns, e as axudas que van vir do Goberno español non chegan aos 300.000 euros".

As denominacións de orixe galegas estudan agora como lles afectan estas axudas. Na da Ribeira Sacra xa expresaron o seu malestar.

José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra: "É un atentado contra a viticultura de calidade en Galicia, unha tomadura de pelo aos viticultores e o ao viñedo galego. Todo este diñeiro é subtraído doutras partidas do Ministerio de Agricultura e os únicos que beneficia é a viticultara da Mancha, Estremadura e Cataluña".

Piden medidas que se adapten á realidade da viticultura galega.

Noticias web

10/06/2020