CRTVG

Buscar

Theresa May, contra as cordas polo 'brexit', podería dimitir este venres

Publicado o 23/05/2019 20:25

No Reino Unido aumentan as presións para que dimita Theresa May.  Forzada polo seu propio partido, o conservador, renunciou a volver someter á votación do Parlamento o acordo do 'brexit'. Segundo o xornal The Times, a dimisión de May podería ser efectiva mañá mesmo.

A incombustible Theresa May podería deixar de selo este venres. As presións para que dimita son cada vez máis fortes. Asediada polos seus colegas conservadores e polo seu propio goberno abandonou a idea de volver someter á votación do Parlamento, por cuarta vez , o plan do 'brexit'.

Queren que deixe o cargo para evitar a celebración do novo referendo sobre o asunto comprometido esta semana pola primeira ministra para obter o apoio da oposición laborista a un novo plan de saída de Gran Bretaña da Unión Europea.

Theresa May xa se comprometera a dimitir unha vez que o acordo recibira o visto e prace do Parlamento e despois de arrancarlle a Bruxelas un último aprazamento para o divorcio ata o 31 de outubro, con ou sen pacto.

Pero as súas últimas manobras e os previsibles malos resultados do partido conservador nas eleccións europeas acabarían de poñer contra as cordas a primeira ministra. Segundo o xornal The Times a dimisión de Theresa May podería materializarse este venres tras a reunión que vai manter co grupo conservador no Parlamento británico.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019