CRTVG

Buscar

Martínez-Almeida defende a vacinación preferente do Estado Maior da Defensa e do Goberno central

Publicado o 24/01/2021 20:18

O xeneral Miguel Ángel Villarroya solicitaba este sábado o seu cesamento; en realidade, un subterfuxio nominativo para presentar a dimisión ante Margarita Robles. Todo por vacinarse cando non lle correspondía oficialmente, e hoxe botáballe un cable o alcalde madrileño e voceiro nacional do PP, José Luis Martínez-Almeida.

"Se vostedes me din cal é a miña opinión sobre que o Estado Maior da Defensa se vacine, mesmo que o Goberno da nación se vacine, eu estou de acordo. Creo que estamos nunha situación de crise. Sexamos realistas, estamos nunha situación moi difícil e moi complicada, creo que os que dirixen a nación, os que teñen a responsabilidade de dirixir a nación e de tomar decisións fundamentais para o futuro, a min paréceme moi lóxico e moi razoable que se vacinen", declarou ante os informadores.

Martínez-Almeida diferencia este caso e unha hipotética vacinación do Goberno central doutras situacións protagonizadas por alcaldes e conselleiros autonómicos: "É certo que houbo ultimamente moitos casos de polítcos que non deberan vacinarse e que deben asumir responsabilidades políticas. Pero non estamos falando de calquera, estamos falando daqueles que teñen que dirixir a nación nun momento crucial como no que nos encontramos e, polo tanto, non podemos quedar descabezados".

O alcalde madrileño matizou que se trataría dun "número insignificante de vacinas", ao tempo que expresou o seu "respecto e admiración" polo xeneral Villarroya.

Noticias web

24/01/2021