CRTVG

Buscar

Marta Rodríguez (Si hai saída): "Teñen que tomar conciencia de que os menores son unha cara máis da violencia de xénero"

Publicado o 02/08/2019 10:46

Entrevista no Bos días a Marta Rodríguez, presidenta da asociación Si hai saída de Lugo, contra a violencia de xénero.

"Ata cando? É a pregunta que nos facemos todos".

"No último ano, sobre todo, notamos un aumento importante e non é casualidade; baixouse a garda canto á protección, os maltratadores campan sen cortapisas... Teño que dicir que o sistema está fallando estrepitosamente: o sistema policial, o sistema xudicial, á vista está. O número de mulleres asasinadas e de menores medra de día en día. Algo está fallando, algo non se está a facer ben".

"Para saír da violencia de xénero non hai outro conduto máis que a denuncia, pero a denuncia non serve de nada se as medidas posteriores non se aplican con todo o rigor. Unha muller que vai denunciar ten que saber que despois vai estar protexida".

"Dá igual que sexa fin de semana, que haxa unha ponte ou que sexa agosto, porque no verán as comisarías quedan baixo mínimos, os xulgados baixo mínimos... As vítimas teñen que quedar protexidas. Non podemos permitir que un punto de encontro, como o que temos aquí, peche 15 días no verán, cando o risco aumenta considerablemente; estámolas poñendo aos pés dos cabalos".

"Teñen que tomar conciencia de que os menores son unha cara máis da violencia de xénero. Para o maltratador, o obxectivo principal é facerlle dano a esa muller; que nos doe máis a unha nai que os nosos fillos? Como poden dicir que un maltratador pode ser un bo pai? Unha persoa que é capaz de danar e mesmo de matar non pode ser un bo pai e moito menos un bo referente para o menor. Retirar unha visita sempre é reversible, cando os matan xa non hai volta atrás. Por favor, prudencia".

"Son intolerables os anuncios machistas".








 

Noticias web

02/08/2019