CRTVG

Buscar

Marlaska di que non detalla por que cesou a De los Cobos por respecto á súa carreira

Publicado o 03/06/2020 18:57

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, volveu deixar claro que non pensa dimitir por cesar o coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos e asegurou que non quixo detallar os motivos da destitución por respecto á carreira profesional deste mando.

Marlaska tivo que someterse de novo no Pleno do Congreso ás preguntas dos partidos da oposición PP, Vox e Ciudadanos, cuxos deputados lle pediron unha vez máis a dimisión, acusárono de mentir e botáronlle en cara que cometese unha ilegalidade aínda sendo xuíz de carreira.

O titular de Interior precisou que foi o secretario de Estado de Seguridade, Rafael Pérez, quen cesou o coronel a proposta da directora da Garda Civil, María Gámez, por perda de confianza e pola reestruturación que leva a cabo no corpo.

Xunto con isto, indicou: "Nun primeiro momento dixen que as causas eran a remodelación e tamén de perda de confianza, pero non quixen dicir máis porque teño respecto á carreira profesional de Pérez de los Cobos. Vostedes están a indagar para perturbar esa carreira profesional e eu non estou polo labor".

A primeira en preguntarlle foi a deputada do PP Ana Belén Vázquez, a quen lle parece "incrible" ver aínda a Marlaska no hemiciclo "perdendo a súa dignidade" ao ter" fulminado" o coronel por, segundo ela, non someterse e non entregar o informe da Garda Civil sobre o 8-M que investiga unha xuíza de Madrid.

Tras resaltar que ao ministro "fáltalle de humildade e sóbralle soberbia", a deputada insistiu en que Marlaska perdeu lexitimidade e é un "ministro acabado" ao que pediron o seu cesamento a Garda Civil, os xuíces e os fiscais.

"Prometo dicir a verdade e toda a verdade", comezou así Marlaska a súa resposta antes de reiterar que nin el nin ninguén do seu departamento pediu a De los Cobos o informe nin saber o seu contido.

O que si fixo Gámez é preguntar pola filtración nun medio de comunicación dese informe e polo que ocorrera, xa que tamén se omitiu "á cadea de mando". Arremeteu contra o PP para dicirlle que a este partido non lle importaba a filtración nin que Interior preguntase por iso, cando ademais as filtracións son un delito e menoscaban o dereito de defensa, tendo en conta que as partes non contaban con el.

"Non imos permitir que as investigacións e o traballo denodado da Garda Civil sexa obxecto de filtracións" e "iso é protexer e garantir a neutralidade, a profesionalidade e a independencia, a diferenza do que faría o seu goberno", espetoulle á deputada popular.

Despois tocoulle a quenda ao deputado de Vox Ignacio Gil Lázaro, quen tachou de "tramposa e inmoral" a conduta do ministro. "Xa non queda nada daquel maxistrado que foi, que loitaba contra ETA. Agora é un puro aprendiz de esbirro dun goberno que pacta con ETA", díxolle. "Váiase e deixe a porta aberta porque pronto lle seguirán os señores Iglesias e Sánchez", concluíu o deputado de Vox.

Marlaska volveu defender o cesamento dentro da súa competencia para elixir os cargos de libre designación. A medida adoptada pode ser "xusta ou inxusta", engadiu antes de preguntar se foi legal a decisión do ex-ministro Juan Igancio Zoido de destituír a toda a cúpula da Policía Nacional que acabara coa ETA.

Preguntouse tamén se foi legal que Zoido, en pleno verán, ditase unha orde para "quitar" os  DAO. "Mentres o PP bota a mandos "pola porta e non lles di nin adeus", o actual Goberno dilles por que perdeu a confianza e "nunca aldraxamos as súas traxectorias". 

Edmundo Bal, de Ciudadanos, foi o autor da terceira pregunta e cualificou o ministro de "déspota" e de "mentireiro", á vez que lle pediu a dimisión. 

"Non vou dimitir porque, como dixen e repetirei, non cometín ningunha ilegalidade, nin eu nin o meu equipo. Non cesei o coronel, senón o secretario de Estado a proposta da directora da Garda Civil", explicou Marlaska.

O ministro tamén desvelou que na súa carta de renuncia, o que fora director adxunto operativo do corpo, Laurentino Ceña, que pediu a destitución tras o cesamento do coronel, "falaba de (unha decisión) legal, pero inxusta", á vez que "recoñecía" que a remodelación dos equipos estaba prevista.