CRTVG

Buscar

Marlaska asume que a normalidade en Cataluña non volverá "da noite ao día"

Publicado o 22/10/2019 12:37
Marlaska asume que a normalidade en Cataluña non volverá "da noite ao día"

O ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, asegurou que o Goberno ten asumido que a situación de Cataluña é complexa e, por tanto, "cunha convivencia deteriorada durante anos non se volve á normalidade da noite ao día".

Necesítase, dixo en declaracións aos xornalistas no Congreso, "de moita política e moito diálogo entre toda a sociedade catalá" con distintas ideoloxías e diferentes maneiras de ver o encaixe de Cataluña dentro de España.

Cataluña ten "un problema real de convivencia" e hai que empezar xa a reconstruíla, insistiu  Marlaska, ao afirmar que esa é a idea que ten o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez.

En canto ás medidas de seguridade de Sánchez durante a súa visita onte a Barcelona, o responsable de Interior asegurou que son "as habituais" para un cargo como o seu.

A Presidencia do Goberno ten os seus protocolos de seguridade e "estes veñen perfectamente determinados e establecidos", explicou o ministro, en relación con algunhas informacións que sinalaban onte que a seguridade do presidente incluía un maletín antibalas e un subfusil de asalto.

Respecto da posición que está a manter o presidente da Generalitat, Quim Torra, ante os altercados violentos que se produciron durante estes días, Marlaska esixiulle unha condena da violencia "absoluta, sen matices e sen equidistancias".

Debe ademais apoiar, subliñou, as forzas e corpos de seguridade do Estado (Mossos, Policía Nacional e Garda Civil), "que son de todos e son as que garanten a seguridade publica para o conxunto dos cidadáns".

"Son a vangarda da sociedade, os que se poñen diante para que todos nós poidamos vivir en paz e defendendo esa diversidade que nos enriquece a todos", sinalou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí