CRTVG

Buscar

Mariscadores da Coruña denuncian o seu "desamparo laboral" durante o estado de alarma

Publicado o 23/03/2020 23:23
Mariscadores da Coruña denuncian o seu "desamparo laboral" durante o estado de alarma

A directiva de marisqueo a pé da Confraría da Coruña denunciou o "desamparo laboral" que soportan debido ao Decreto Lei do estado de alarma porque o Goberno non prevé que o seu sector se acolla ao cesamento de actividade, remarcan.

Nun comunicado, o marisqueo a pé traslada que non pode cumprir "as normas obrigatorias de seguridade e hixiene no punto de control" porque carecen dun lugar en que "poder manter as distancias de metro e medio".

Ademais, sinala que non hai "auga nin produtos de limpeza para poder asearse" e manter con iso unha hixiene "mínima" que evite posibles contaxios de coronavirus.

Debido ao peche obrigatorio dos restaurantes, apunta, o colectivo non pode poñer no mercado o produto extraído dos areais, pois a depuradora encargada de recoller o seu marisco comunicou que non pode seguir levando a cabo esta tarefa.

"Non entendemos como por parte do Goberno anuncian que ningún traballador vai quedar desamparado economicamente", sostén a directiva de marisqueo a pé, que engade que o Instituto Social da Mariña da Coruña respondeu que "o marisqueo non reúne os requisitos legais para poder acollerse ao cesamento de actividade".

O cesamento de actividade do sector, máis preto

A Consellería do Mar deu o primeiro paso para que as agrupacións de mariscadores poidan acollerse ao cesamento de actividade, tal como viña pedindo o sector.
 
A Xunta comprobou que no que vai de mes a facturación marisqueira no conxunto de Galicia caeu un 77 por cento, ou sexa máis do 75 que esixe a lei.

Mentres dure o estado de alarma, a Consellería non ten competencia para ordenar o peche porque o goberno central asumiu todas esas potestades.

Pero cada confraría pode pedir o pechamento dos seus plans de xestión, e iso si o pode autorizar a Xunta, algo que permitiría iniciar a solicitude das prestacións.

Máis sobre A Coruña