CRTVG

Buscar

María Vilas regresa á natación dous anos despois da súa retirada

Publicado o 28/02/2019 20:02

María Vilas está de volta. Olímpica no Río e medallista internacional, a nadadora de Ribeira volveu á casa para retomar a súa carreira deportiva, que abandonou hai dous anos. Con 22 anos só se pon como obxectivo gozar de novo do deporte.

Volve ser María, a nadadora. Hai dous anos, decidiu tirar a toalla. E explicounolo así de contundente: "Non gozaba da natación porque non podía", pero  agora volve máis madura e feliz. E igual de rotunda: "Agora si gozo da piscina".

María marchou da súa casa con 14 anos porque a súa vida é o deporte e o seu soño, xa cumprido, son os Xogos Olímpicos. Pero o sacrificio do alto rendemento noqueouna.

María Vilas, C. N. Galaico: "Cando deixei a natación non foi porque eu quería, senón porque o meu corpo e a miña cabeza o necesitaban. Sempre quedei con ganas de máis. Agora é cando me sinto preparada realmente para dar máis".

O pasado verán, María Vilas púxose en contacto con Luísa Domínguez, a responsable de natación do Centro de Tecnificación de Pontevedra. Quería volver. Desde outubro perdeu dez quilos. E empeza a ser competitiva.

María Vilas, C. N. Galaico: "Un resultado non di nada. Vale moito máis a satisfacción do día a día que a satisfacción dun bo resultado".

Acaba de gañar a medalla de bronce no Campionato de España de 5.000 metros, só superada por Mireia Belmonte e Jimena Pérez. En abril disputará o Open de España.

María Vilas, C. N. Galaico: "Este ano, sobre todo, é para volver coller a experiencia de competir. Despois de dous anos sen facelo, pérdese. Volver sentir estes nervios. E hainos que controlar dalgunha maneira".

María é a maior lección de superación para este grupo de nadadores, moitos deles internacionais en categorías inferiores. A piscina do Centro de Tecnificación segue sumando talento.

Noticias web

28/02/2019