CRTVG

Buscar

María Dolores Lozano: "Despois dunha etapa de convivencia adoita haber unha repunta nos procesos de separación"

Publicado o 19/05/2020 10:33

Vanse confirmando as previsións de psicólogos e avogados: o confinamento aumentou as consultas nos despachos sobre os divorcios, e non só iso, tamén sobre as modificacións das pensións alimentarias ou casos relacionados coa violencia familiar.

María Dolores Lozano, a presidenta da Asociación Española de Avogados de Familia, salienta que "moitas desas consultas están acabando nos xulgados". A avogada indaga nas posibles causas do aumento dos divorcios: "Despois dunha etapa de total convivencia coma esta adoita haber unha repunta dos procesos de separación e divorcio. Tamén acontece despois de períodos vacacionais, por exemplo. Por desgraza, tamén están aumentando as consultas relacionadas coa violencia de xénero".

No tocante ás novas tecnoloxías, Lozano sinala que "nos situaron nunha tesitura que nunca poderiamos imaxinar". Comenta que agora estamos "máis mobilizados ca nunca. Malia ser unha situación histórica na nosa vida cotiá, agora estamos máis conectados ca nunca co exterior".

"As tecnoloxías tamén evidenciaron unhas situacións e uns motivos que acentuaron a separación, ao iniciar contactos con outras terceiras persoas. Este é un dos motivos polos que moitas persoas queren separarse". E engade: "O sistema que temos legalmente é un sistema non causal. É dicir, calquera persoa pode separarse ou divorciarse polo mero feito de querer separarse ou divorciarse. A lei non nos esixe ningunha causa, pero, loxicamente, as persoas facémolo por uns motivos".

Noticias web

19/05/2020