CRTVG

Buscar

Marcelo Rebelo de Sousa, reelixido presidente de Portugal co 60 % dos votos

Publicado o 25/01/2021 19:24

O reelixido mandatario conservador sinalou como prioridade a loita contra a pandemia; coa cifra de mortos próxima aos 10.500, para eles foron as súas primeiras palabras. Comprometeuse a redobrar os esforzos para que as crises sanitaria e económica se superen o antes posible e dixo que antes do cincuenta aniversario da caída da ditadura —que se cumpre en tres anos— hai que recuperar o perdido na pandemia, "refazer os lazos desfeitos, romper as barreiras erguidas (...) facer esquecer as xenofobias, as exclusións e os medos instalados”.

Tras afirmar que é consciente de que a confianza renovada para o próximo quinquenio "non é un cheque en branco", prometeu que seguirá sendo "o presidente de todos e cada un dos portugueses, un presidente que una e estabilice", e garantiu solidariedade institucional total co Goberno socialista e co Parlamento. Iso foi o que lle pedíu a Marcelo Rebelo de Sousa o primeiro ministro, o socialista António Costa, que o felicitou "calorosamente" vía Twitter.

O ultradereitista André Ventura, o outro gañador dos comicios

A segunda máis votada —co 13 % das papeletas— foi a socialista Ana Gomes, que concorría como independente ao non contar co apoio do seu partido. Recoñeceu que non logrou o seu obxectivo, que era forzar a segunda volta, pero amosouse convencida de que sen a súa candidatura o ascenso da extrema dereita sería aínda maior. De feito, culpou a súa formación dos resultados colleitados por André Ventura, que pasou do 1 % nas lexislativas de 2019 ao 12 % nestas presidenciais. O líder do CHEGA falou dun día histórico, porque "por primera vez un partido declarado antisistema rompeu o espectro da dereita tradicional con preto de medio millón de votos" e porque "esmagamos a extrema esquerda". Marisa Matías, do Bloco de Esquerda, apenas sumou un 4 % dos apoios e o comunista João Ferreira o 4,3 %.

Nunhas eleccións celebradas no peor momento que vive o país pola pandemia, a abstención foi de récord: situouse algo por riba do 60 %, dez puntos máis ca hai cinco anos, pero por baixo do 70 % que agoiraban algúns. Por iso, tanto Marcelo Rebelo de Sousa coma o PS agradeceron o esforzo da cidadanía que respondeu á chamada ás urnas.