CRTVG

Buscar

Manolito Apeh e Adighibe, dous nixerianos protagonistas na Segunda B

Publicado o 08/12/2019 20:08

Naceron os dous en Nixeria. Teñen vinte e tres anos. A un chámanlle Manolito; a outro, a Pantera, e os dous decidiron os triunfos galegos na segunda B.

A figura de Manolito Apeh emerxeu sobre todas en Barreiro. Forzou unha expulsión no Oviedo. Todo parecía encamiñado cando Bermejo adiantou ao filial celeste. Pero en inferioridade Tarsi puxo a inquedanza na bancada co gol do empate. A quince minutos para o final Manolito atopou premio á súa insistencia. E acabou sentenciando noutro centro de Yeboah. O Celta B ten que cuidar con mimo a súa maltreita pube.

Triunfo de moito mérito do Pontevedra no campo do filial das Palmas porque aos cinco minutos recibira o gol de Herrero. Logo chegou o momento de Adighibe. O empate nunha acción con suspense á saída dun córner. E o definitivo un a dous do nixeriano aínda no primeiro tempo, o quinto na súa conta particular.

Tampouco lle foi mal ao Rácing de Ferrol. Rabuñou un punto dun campo moi complicado, o da Peña Deportiva. Refíxose tras o gol de Bernal e empatou grazas á perseveranza de Fer Beltran, que culminou unha acción moi embarullada.

E para grandes goles, os que marcou David Álvarez na derrota do Coruxo no campo do Langreo. Un pola escuadra e outro de vaselina. De nada valeron os marcados por Álex Ares e Antón. Derrota por tres a dous que corta unha serie de cinco xornadas sen perder.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/12/2019