CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa maniféstanse en Lugo polo futuro desta industria

Publicado o 26/02/2020 15:05

Case un milleiro de persoas, a maioría de traballadores da factoría que a multinacional Alcoa ten na Mariña, viaxaron este luns ata Lugo para protestar contra o estatuto de consumidores  electrointensivos presentado polo Goberno de España, porque ao seu xuízo supoñerá o peche da planta, así como para esixirlle ao Executivo que "rectifique" e teña en conta as súas alegacións.

Os traballadores de Alcoa chegaron á capital lucense a bordo de polo menos sete autobuses fretados polo propio comité de empresa e polos concellos de Cervo e Xove, os dous municipios en que está asentada a propia fábrica de produción de aluminio.

Sobre as dez da mañá, reagrupáronse nas inmediacións da estación de autobuses de Lugo, na  praza da Constitución, e tras unha pancarta na que se podía ler a mensaxe "Peche non. Enerxía, solución" e dunha vintena de cruces, iniciaron o seu percorrido, que terminou na praza de San Marcos, ante a sede da Deputación Provincial de Lugo.

Durante todo o traxecto, non deixaron de berrar consignas como "Enerxía solución", "Alcoa sálvase loitando" ou "Socialistas de pacotilla", á vez que exhibían carteis en que se podían ler mensaxes como "Eu tamén vivo do aluminio" ou "Alcoa non se pecha".

Na mesma porta do Pazo de San Marcos, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, acompañado por outros deputados do Goberno provincial, recibiu os representantes do comité de empresa, entre eles ao seu presidente, José Antonio Zan, pero vivíronse momentos de certa tensión cando varias decenas de manifestantes entraron pola forza no propio edificio, ao berro de "socialistas de pacotilla" e "enerxía solución".

Finalmente, José Tomé e José Antonio Zan puideron falar nunha das dependencias do rexistro xeral da Deputación de Lugo, onde o presidente da Deputación lle transmitiu ao representante dos traballadores o apoio do Goberno provincial e da propia institución ás súas demandas.

En declaracións aos medios de comunicación, José Antonio Zan aclarou que "o proxecto de estatuto que expuxeron non serve, deixa moi mal toda a industria de Galicia e do norte de España", porque "meteron moitos no saco".

"É coma se queremos que todos os estudantes españois teñan bolsas e entón baixamos moitísimo o nivel dos estudos, de modo que no canto de sacar un nove, teñan que sacar un seis; e ao mesmo tempo reducimos o diñeiro destinado a bolsas. Ao final damos bolsas a todos os españois, un euro de bolsa a cada un, pero o que realmente o necesita para estudar, non vai poder estudar", explicou.

Segundo Zan, iso é o que vai suceder coas industrias electrointensivas, porque ao final, aquelas que si necesitan as axudas para contar cun prezo da enerxía competitivo, co actual proxecto de estatuto, "non as van a ter", o que fai que empresas como Alcoa se atopen "nun momento moi difícil para saír adiante".

Ademais, lembrou que "os partidos políticos en Galicia están de acordo", do mesmo xeito que os gobernos da Xunta, o Principado de Asturias e Cantabria, polo que o Goberno debería deixar de lado "a obstinación da ministra" e facer "caso a todos os axentes que están a pedir que haxa un estatuto de empresas electrointensivas" que sirva para abaratar o prezo da enerxía.

O comité espera que o Goberno de España teña en conta as alegacións presentadas polos traballadores e, en concreto, aquelas que fan referencia ás axudas compensatorias polas emisións de CO2, porque "levan moito tempo prometendo que van estar ao máximo", pero deixaron os traballadores "tirados á primeira de cambio".

No que se refire ás empresas electrointensivas, insistiu, hai que saber se a ministra "vai poñer nese papel" a diferenza e as particularidades dos consumidores hiperelectrointensivos, como pode ser Alcoa, e se iso vai "supoñer unha rebaixa na peaxe polo transporte da enerxía", porque se se aplica unha bonificación do 80%, "como fan Francia ou Alemaña", a factoría da Mariña será "competitiva".

"O prezo do megawatt en España actualmente non está tan alto, pero o sector está condicionado polas influencias dos mercados estranxeiros, como sucede co gas", factores que fan "encarecer o prezo" da enerxía, insistiu.

Zan tamén aproveitou para lembrar que o posible peche de Alcoa terá unha repercusión moi negativa máis aló da comarca da Mariña, porque esa fábrica representa máis do 30% de Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo.

"Está no aire o futuro e a prosperidade de toda unha comarca. A supervivencia de toda A Mariña lucense e tamén de Lugo, porque ao final nós pagamos unha serie de impostos que axudan a que a Seguridade Social, que nesta provincia é deficitaria, sexa menos deficitaria, porque cos salarios e o movemento de capital desta fábrica, levantamos un terzo da economía provincial", asegurou.

Os "máis de 700 millóns que movemos ao ano en materias primas é un choio para calquera provincia", resolveu.

Tamén lembrou o presidente do comité de empresa que os traballadores seguen esperando "a resposta de Pablo Iglesias e dos dirixentes de Podemos, porque antes viñan manifestarse ao noso lado e, agora mesmo, non din nada e dan a calada por resposta".

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo lembrou que o Goberno provincial apoia "as súas reivindicacións", porque quere "que siga a planta de Alcoa, que sigan os postos de traballo".

"Nese sentido, estamos a facer todas as xestións que podemos ante o Goberno, dentro das nosas posibilidades, para que ese estatuto sexa modificado, e creo que o vai a ser". A partir de agora, lembrou, "establécese un período de negociación, hai cabida para negociar. Espero que se alcancen os obxectivos para que Alcoa sexa viable".

"Hai partido. Agora toca unha negociación discreta. Se as cousas se televisan, estamos afeitos a que saian mal. Agora hai que sentar cos traballadores, a empresa, as comunidades autónomas para chegar a un acordo que sexa satisfactorio dentro das posibilidades que ofrece a Unión Europea", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2020