CRTVG

Buscar

Sánchez comunicará este sábado se pedirá a prórroga do estado de alarma

Publicado o 03/04/2020 19:07

O 26 de abril aparece no horizonte como a nova data de fin do confinamento. Ata ese día chegaría a segunda prórroga do estado de alarma que, segundo fontes do Goberno, é agora mesmo unha opción máis que probable. A clave será o informe que lle presenten este sábado a Pedro Sánchez os expertos científicos que o asesoran.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, explicou que "mañá sábado, o presidente vai ter unha xuntanza a primeira hora da mañá co comité científico e a continuación co comité técnico de xestión da crise. A continuación, vai chamar a todos os líderes da oposición para comunicarlles a decisión que tome sobre o estado de alarma e a súa eventual prórroga".

O presidente do Goberno visitou este venres unha fábrica de respiradores en Móstoles. Non deu pistas do que pensa facer e volveu facer un chamamento a unir esforzos: "apelar a esa unidade entre as distintas administracións para ter un obxectivo compartido. En primeiro lugar, salvar vidas, e en segundo, vencer o virus. Moito antes do que esperamos e prevemos, estou convencido de que España recuperará a vida cotiá, esa normalidade, e poderemos recuperar o noso día a día".

A prórroga do confinamento votaríase previsiblemente en Semana Santa nun Congreso en que a oposición está endurecendo o ton ante a unilateralidade dos movementos do executivo. De aí a rolda de chamadas que Sánchez levará a cabo cos líderes das principais forzas políticas antes de facer pública a súa decisión.

Noticias web

03/04/2020