CRTVG

Buscar

Malestar dos fiscais con Sánchez por insinuar que actúan ás ordes do Goberno

Publicado o 07/11/2019 12:15

En Radio Nacional preguntáronlle a Pedro Sánchez sobre a promesa realizada no debate de que o Goberno traería a Puigdemont a España.

"De que maneira o vai facer Pedro Sánchez? Como o estamos facendo. E que, a fiscalía de quen depende? Si, si, depende do Goberno. Pois xa está".

As tres principais asociacións de fiscais reaccionaron indignadas. Consideran lamentable que se cuestione a súa independencia e advirten de que este tipo de declaracións poden dificultar a entrega de Puigdemont e doutros reclamados pola xustiza.

Ante estas críticas Pedro Sánchez matizou as súas palabras. Nun chío mostrou o apoio do Goberno á Fiscalía e asegurou que traballarán para que se xulgue a Puigdemont con todas as garantías. Pero a vicepresidenta do Goberno en funcions saía na súa defensa.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións: "Ao fiscal ou á fiscala xeral do Estado que o nomea segundo o artigo 154 da Constitución? Quen o nomea? O Goberno".

Tamén entraron na polémica varios partidos da oposición. Pablo Casado, presidente do Partido Popular.

"Se o crera tería que preguntarlle porque entón a Fiscalía Xeral do Estado non está actuando xa contra Torra".

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Non podemos ter un presidente que bota por terra o traballo de fiscais, avogado do Estado e xuíces".

Pablo Iglesias. secretario xeral de Podemos: "E algúns preguntámonos se é que en España non funciona a separación de poderes".

A Fiscalía Xeral do Estado emitiu un comunicado en que aclara que todas as actuacións dos fiscais na causa do procés se fixeron dentro da autonomía funcional do Ministerio Público e conforme os principios constitucionais de legalidade e imparcialidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2019