CRTVG

Buscar

Máis dunha trintena de gromos en toda Galicia: desde Muros ata Laza

Publicado o 17/08/2020 09:39
En Galicia o domingo subiron en 124 os positivos activos e hai tres ingresados na UCI. Durante a fin de semana, faleceron dúas persoas por esta doenza, a última, unha muller de 86 anos na Coruña. Esa área sanitaria ten 778 contaxiados, entre eles oito usuarios dunha residencia de maiores de Culleredo. Trátase dun dos últimos gromos detectados, canda o de Pedrafita do Cebreiro, o dun cámping de Muros e o de Laza, onde un foco familiar deixa, polo de agora, seis infectados. Os contaxios duplicáronse nunha semana.

Hai máis dunha trintena de gromos por toda Galicia. A Coruña é a área sanitaria con maior incremento, 78 novos casos activos.

En Muros, segue medrando o número de positivos vinculados ao gromo do cámping de San Francisco de Louro. Tres deles estiveran en contacto cunha parella da Coruña, aloxada días atrás, que despois deu positivo. O cuarto caso, é no círculo familiar da parella. En total, hai 23 campistas confinados aos que lles están practicando as probas PCR.

Os rastrexadores están localizando tamén as outras 15 persoas que estiveron no cámping, en contacto cos dous positivos, e que xa abandonaron as instalacións.

Na provincia de Ourense identificouse nas últimas horas un novo gromo con seis afectados, todos da mesma familia, no concello de Laza. Tralo primeiro contaxio, un home de 54 anos, confirmábanse outros cinco positivos, membros da súa familia. Son dous homes de 84 e 59 anos, 2 mulleres de 80 e 53 e unha moza de 17. Unha noticia que levantou a lóxica preocupación entre os veciños da zona.

Non é o único caso das últimas horas na provincia de Ourense. O caso que se detectara en San Cibrao das Viñas e que afectaba dúas traballadoras dunha empresa deste concello, incrementouse con 10 novos positivos que non están adscritos a ningún concello en concreto porque residen en diferentes lugares, pero todos están conectados entre si. Son dez casos novos, cinco deles menores de idade: tres adolescentes e dous nenos.

Na provincia de Lugo, esta fin de semana deuse a coñecer un novo gromo en Pedrafita do Cebreiro, concretamente en Fonfría, unha pequena parroquia situada no medio do Camiño de Santiago. De 33 veciños que ten, seis deron positivo.

Na área sanitaria de Pontevedra sumouse un contaxiado máis, sesenta en total. Permanecen illados unha vintena de traballadores do hospital Montecelo entre sanitarios e non sanitarios logo de que se confirmara o positivo dun paciente galego procedente de Venezuela e que ingresou por urxencias por patoloxías cardiorrespiratorias e que deu varios falsos negativos nas PCR. A súa muller insistiu en que lle repetisen as probas, xa que o pasaxeiro do asento do lado do avión dera positivo. Este paciente, de 69 anos, foi o que morreu a última hora deste sábado. Na área sanitaria de Vigo tamén se incrementaron os casos e hai 134 contaxiados.

Noticias web

17/08/2020