CRTVG

Buscar

Máis de dez mil hectáreas arrasadas no incendio que segue activo na provincia de Huelva

Publicado o 30/08/2020 15:15

Os equipos de extinción seguen traballando arreo por cuarto día consecutivo no incendio que se orixinou en Almonaster, na provincia de Huelva. O lume continúa activo, xa superou as dez mil hectáreas e provocou o desaloxo preventivo de máis de 2.400 persoas que polo momento non poden regresar aos seus fogares.

Son xa dez mil as hectáreas calcinadas no incendio forestal que está asolando a serra de Huelva e que está a ser considerado como o máis devastador dos últimos anos en Andalucía. O lume, que comezou o xoves pasado en Almonaster, continúa activo e preocupa que avance cara ao sur, na zona da Zarza-Perrunal.

Hai máis de 2.400 persoas desaloxadas de xeito preventivo, para evitar os efectos do fume, en seis municipios. Aínda que, segundo os servizos de emerxencia, as lapas atópanse afastadas dos núcleos urbanos, os veciños non poden regresar aos seus fogares polo momento.

"De tanta densidade de fume, avisáronnos as autoridades que o máis conveniente era saír da vila", comenta unha veciña.

"Onte a cousa complicouse. Encheuse o lugar de fume, non sabiamos que facer, cara a onde tirar...", asegura outra. Mentres o alcalde de El Cerro de Andévalo, Pedro Romero, láiase: "É unha catástrofe ambiental dunha magnitude terrible, e a ver se pouco a pouco comeza a remitir o vento, que está a ser o principal aliado deste lume, con ata seis focos activos, con un perímetro de máis de 14.000 hectáreas xa".

O perímetro do lume é moi grande e con numerosos focos activos. Os equipos de extinción atopan moitas dificultades para atallalo, por mor da complicada orografía, así como pola presenza de fortes ventos, que superaron os cincuenta quilómetros por hora, pero que foron amainando nas últimas horas. Hai 350 efectivos sobre o terreo, e unha trintena de medios aéreos, que contan coa mellora das condicións meteorolóxicas para tentar deter o avance das lapas nas vindeiras horas.

Noticias web

30/08/2020