CRTVG

Buscar

O número de infectados en España achégase aos 80.000, e superamos os 6.500 mortos

Publicado o 29/03/2020 21:49

Xa son máis de 6.500 os mortos en España con coronavirus. En 24 horas rexistráronse 838 falecementos.

O número total de infectados achégase aos 80.000, tras seren detectados nas últimas horas algo máis de 6.500 casos novos. A presión nas unidades de coidados intensivos tamén creceu, pero menos ca onte. E sumáronse 2.400 altas novas, que dan un total de case 15.000 persoas curadas.

Fernando Simón insistiu, porén, en que a principal preocupación é evitar o colapso das unidades de coidados intensivos. Neste sentido, recordou a importancia de extremar as precaucións para evitar contaxios novos.

Case 3.000 casos rexistrados en Galicia, con 65 falecidos

En Galicia, o número de casos rexistrados ascende a 2.925, deles 639 son da área da Coruña, 244 da de Lugo, 415 da de Ourense, 324 da de Pontevedra, 681 da área de Vigo, 480 da de Santiago e 142 da de Ferrol. O número de PCR realizadas é de 14.440.

Do total de pacientes positivos, 122 permanecen en UCI, 707 están en unidades de hospitalización e 2.096 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 153 altas de pacientes e 65 falecementos. 

Os últimos finados por causa do coronavirus en Galicia son cinco persoas este domingo, todas con patoloxías previas. Son tres varóns, un de 91 anos ingresado no Hospital Lucus Augusti de Lugo e dous máis ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de 82 e 74 anos respectivamente, e tamén, segundo se soubo nas últimas, dúas mulleres de 80 e 81 anos respectivamente ingresadas no CHUAC e no Hospital da Rosaleda en Santiago.

Máis material para os centros sanitarios

O conselleiro de Sanidade, nunha entrevista na Radio Galega, anunciou que para este domingo está prevista a chegada a Galicia de medio millón de máscaras, das "máis de dez millóns" que leva compradas a Xunta. Vázquez Almuíña confirmou que o seu departamento está en contacto para alcanzar "acordos con empresas galegas do téxtil e do sector da fabricación doutros productos" para proverse de material sanitario e non depender do mercado internacional.