CRTVG

Buscar

Máis de 57.000 persoas chegaron a España a través do Mediterráneo en 2018

Publicado o 02/01/2019 21:01

Neste 2019 a inmigración será outro dos grandes asuntos a abordar, porque a crise humanitaria, lonxe de amainar, acada máximos históricos. Durante o ano pasado máis de 57.000 estranxeiros entraron irregularmente en España, o país da Unión Europea que máis migrantes acolle. De media, cada día chegaron ao noso país unhas 150 persoas.

Máis da metade dos inmigrantes que entraron irregularmente en Europa en 2018 fixérono a través de España. A cifra bate todas as marcas ata o momento: máis de 57.000 persoas chegaron ao noso país tras cruzar o Mediterráneo. Os servizos de Salvamento rescataron máis xente ca nos últimos oito anos xuntos, rexistros moi superiores aos de 2006 durante a chamada crise dos caiucos.

O ano pasado converteuse tamén no máis tráxico. Segundo a Organización Internacional para as Migracións, polos menos 769 persoas morreron ou desapareceron tentando chegar a España por mar, máis do triplo que en todo 2017. Se sumamos todas as rutas do Mediterráneo, perdéronse unhas 2.200 vidas.

Aumenta o número de embarcacións, pero tamén as chegadas por terra. 6.500 persoas accederon, agochados, pola fronteira sur ou saltando os valados de Ceuta e Melilla. As oenegués alertan ademais do incremento de menores que chegan sós a España. Contando só ata outubro, as comunidades autónomas teñen acollidos ou tutelados uns 12.500 menores estranxeiros non acompañados.

A crise humanitaria non cesa. Só no primeiro día deste 2019, máis de cen persoas foron rescatadas fronte ás costas andaluzas.

O presidente do PP acaba de falar de inmigración nun acto en Melilla. Casado insiste en que PSOE agravou o problema cun discurso "buenista", di, que provocou un efecto chamada.


 

Noticias web

02/01/2019