CRTVG

Buscar

Máis de 300 minutos sen marcar. O Celta ten ocasións, pero non define

Publicado o 18/10/2020 13:51

Dicía Marcelo Bielsa que aos equipos hai que xulgalos polo que merecen e non polo resultado. Visto o desta xornada e se atendemos a Bielsa, deberiamos recoñecer que o Celta foi mellor, que apañou un gol cedo, aos cinco minutos tras un bonita xogada que culminou Luís Suárez. Pero que logo xogou ben, que desequilibrou a través da posicón máis centrada de Nolito e que non tivo o premio que mereceu.

Se a análise a facemos desde os resultados, apuntaremos unha visión máis negativa. A que reflicte a terceira derrota consecutiva e a terceira tamén sen marcar. E que conducen o equipo ás posicións de abaixo. Sergio Carreira e Santi Mina na primeira parte desperdiciaron as ocasións máis claras. Fontán e Murillo, en balóns parados, tiveronas na segunda. Por ocasións, o Celta tivo que gañar, pero ten un problema de definición e na xornada cinco, xa busca reforzo pra decembro. O Atlético pechou o partido, na ompensación, grazas a Carrasco. 0-2.

E logo queda a análise das sensacións, ese proceso de intanxibles, entre as que un busca esperanza. A imaxe de Aspas, desencaixado, protestón, buscando compensión no ceo e nos propios xogadores do Atlético non reconforta. Preocupa. E a ringleira de rapaces que están a debutar, esa ilusón, reconforta. Esta xornada foi Sergio. Reconforta pensar que hai futuro.

E agora toca a decisión, amigo espectador, que é súa. Agarre a annálise que prefira e valore se paga a pena mirar pro futuro a costa de sacrificar o presente.

Noticias web

18/10/2020