CRTVG

Buscar

Máis de 30 estrelas Michelín reúnense en Negreira nun evento gastronómico e solidario

Publicado o 16/04/2019 23:41

Negreira foi hoxe epicentro da gastronomía coa visita de máis de 30 estrelas Michelin a un evento solidario que busca recoller fondos para unha asociación vinculada a nenos con problemas mentais. Algúns dos cociñeiros máis recoñecidos de toda España non quixeron perder esta cita organizada por un dos restaurantes con máis sona da contorna.

Máis de 30 estrelas Michelin reunidas nun evento gastronómico e solidario en Negreira, para recadar fondos para a Asociación Anxiños, dedicada a pequenos con doenzas mentais. Arzak, Berasategui, Paco Roncero ou os irmáns Torres. Moitos cociñeiros de renome, e outros persoeiros ben coñecidos na nosa terra, non dubidaron en apoiar unha causa coma esta.

O evento, baixo o título Estrelas solidarias no Camiño de Santiago, está organizado polo coñecido restaurante Casa Barqueiro. O seu propietario pertence tamén á Asociación Anxiños e quixo darlle un pulo grazas a esta cita, á que se sumaron estes grandes cociñeiros, que adoitan ser clientes seus.

Os fondos irán destinados a financiar o primeiro centro de acollida para os pequenos con enfermidades mentais na Baña. Pero o obxectivo primordial era visibilizar a entidade.

Uns 300 comensais, que pagaron un prato de 50 euros, gozaron da boa gastronomía e do ambiente festeiro que se viviu arredor deste xantar solidario.





 

Noticias web

16/04/2019