CRTVG

Buscar

Máis de 200 profesionais participaron en tres transplantes durante esta noite no CHUAC

Publicado o 30/10/2020 12:40

O equipo de transplantes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) realizou esta pasada noite tres enxertos de órganos sólidos, un deles dobre, dos que se beneficiaron tres pacientes. Segundo informa, "máis de 200 profesionais estiveron a traballar toda a noite para que este traballo tivese éxito".

Os transplantes realizados polos profesionais do CHUAC foron un enxerto renal, outro hepato-renal e un enxerto pulmonar. O CHUAC destaca a solidariedade das familias que os doaron e o traballo dos profesionais do centro hospitalario.

"Este labor non sería posible sen a implicación dos equipos multidisciplinares que forman urólogos, ciruxáns xerais e torácicos".

A eles suma o traballo de nefrólogos, hepatólogos, neumólogos e anestesistas, ademais do persoal que traballa nas unidades de reanimación e coidados intensivos, o persoal de enfermaría e servizos xerais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Pese ao contexto xerado pola pandemia, o Chuac remarca que a actividade trasplantadora "segue a bo ritmo" o que, engade, "non sería posible sen a colaboración e a solidariedade das familias dos doantes". "No que vai de ano, nos quirófanos do CHUAC lévanse realizados 72 transplantes renais, 42 hepáticos, 41 pulmonares e 22 cardíacos e 1 pancreático", apunta a este respecto. O número de doantes ascendeu a 26 neste período.

Noticias web

30/10/2020